Diego Campos Omil (Marín, 1988) gaña o II Certame de Banda Deseñada sobre Teatro coa adaptación da peza Hámster, de Santiago Cortegoso. O premio, convocado pola Asociación Cultural Entre Bambalinas –editora da Revista Galega de Teatro- está dotado con 1.000 euros e conleva a edición da obra gañadora.
O traballo de Diego Campos resultou vencedor por decisión unánime do xurado entre as tres pezas presentadas a concurso. O xurado destacou a visceralidade e a expresividade do debuxo, así como o dominio técnico do mesmo, o gran dinamismo gráfico do traballo e a aplicación de diferentes estilos narrativos correspondentes ás diferentes partes do texto orixinal. O xurado estivo composto polos debuxantes Alberto Guitián e José Antonio Calvo Téllez “Mónico” –colaboradores do Salón do Cómic de Cangas-, Mercedes Lorenzo – coordinadora do Salón do Cómic de Cangas- e o autor teatral Santiago Cortegoso.
Con este premio, a Asociación Cultural Entre Bambalinas continúa un proxecto que ten como obxectivo
abrir o diálogo e a interrelación entre as artes, difundir o teatro máis aló da escena e materializar unha colección de pezas de banda deseñada sobre teatro que iniciou o seu camiño o ano pasado coa adaptación de Doentes, de Roberto Vidal Bolaño a cargo de Brais Rodríguez Verde –gañador do I Certame de Banda Deseñada sobre Teatro.
A Asociación Cultural Entre Bambalinas e a Revista Galega de Teatro agradecen a participación de todos os debuxantes e destacan a calidade do seus traballos. De igual xeito, a organización quere agradecer a colaboración inestimable da coordinadora (Mercedes Lorenzo) e dos colaboradores habituais (Guitián e “Mónico”) do Salón do Cómic de Cangas que este ano ve interrumpida a súa actividade.
10
Xul
Xul
author: RGT category: Sen clasificar


